Medio Ambiente e a Federación de Persoas Xordas cooperarán para achegar a información sobre os espazos naturais a este colectivo

19/03/2019

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

  • A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse co coordinador da área de accesibilidade da FAXPG, Enrique María Santos, para escoitar as súas propostas e avanzar no futuro convenio de colaboración entre a Xunta e a entidade
  • A Consellería estudará a inclusión nas webs dos parques naturais e do parque nacional de vídeos en lingua de signos española para garantir a súa accesibilidade

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) colaborarán co fin de garantir e facer cada vez máis accesibles para este colectivo algúns dos principais espazos naturais da comunidade. Esta foi unha das principais conclusións da reunión que mantivo a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, co coordinador da área de accesibilidade da FAXPG, Enrique María Santos, para avanzar nos compromisos asumidos no acordo marco de colaboración asinado en 2017 entre a Consellería e a FAXPG, a entidade máis representativa deste colectivo en Galicia.

Tal e como lembrou a directora xeral durante a xuntanza, o obxectivo da Xunta é facilitar o coñecemento e o acceso das persoas xordas aos principais espazos naturais protexidos da comunidade, así como a aquelas instalacións públicas destinadas a divulgar información sobre os mesmos. De feito, no devandito acordo a Consellería comprometeuse a garantir que as súas campañas de difusión en materia medioambiental foran accesibles para as persoas xordas e tiveran dispoñibles intérpretes con coñecemento da lingua de signos.

Desde entón, como lles confirmou Belén do Campo aos representantes da entidade, todas as licitacións da Consellería de Medio Ambiente para contratar actividades, campañas e material divulgativo relacionado cos espazos naturais nos que se ofrecen visitas ou rutas guiadas –concretamente, o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, As Catedrais, os seis parques naturais da comunidade e as aulas da natureza dependentes da Xunta- inclúen entre os criterios de valoración para a súa adxudicación, que se garanta persoal que coñeza a lingua de signos.

Neste sentido, os representantes de FAXPG felicitáronse por unha medida necesaria para poder achegar os espazos naturais máis senlleiros de Galicia a este colectivo. En todo caso, trasladáronlle á directora unha proposta para mellorar o sistema actual de visitas concertadas, introducindo a posibilidade de avisar da presenza dunha ou varias persoas xordas no grupo para garantir a dispoñibilidade dun intérprete durante a visita.

Belén do Campo, pola súa banda, comprometeuse a estudar a viabilidade técnica da súa demanda, que se podería implementar incorporando nos formularios de reserva, por exemplo, unha pestana que facilite a organización daquelas visitas que requiran de persoal especializado.

Así mesmo, a directora xeral tamén se amosou receptiva a outra das melloras en materia de accesibilidade que lle trasladou a federación. Concretamente, Enrique María Santos lembrou que para gran parte do colectivo ao que representa, a información contida nas páxinas web institucionais non está dispoñible en lingua de signos, o que limita moito o seu acceso. Neste sentido, a responsable de Patrimonio Natural tomou nota da súa demanda e trasladoulle que estudará a inclusión de vídeos en lingua de signos española (LSE) nas webs da Praia das Catedrais e do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, para que desta forma sexan accesibles para as persoas xordas.

Por último, do Campo indicoulles que estas e outras demandas a futuro do colectivo deberán plasmarse nun convenio de colaboración, un compromiso para o que ambas partes se comprometeron a traballar da man co obxectivo de poder asinalo o antes posible.

Xunta de Galicia

Actualidade ambiental

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies